COMERCIO

Os pequenos comercios de Santiago poderán presentar as súas coleccións no Pazo de San Lorenzo

24/04/2014 O venres día 25 remata o prazo de inscripción no programa "Estrea Estilo!" para a dinamización do tecido comercial da cidade.

O Pazo de San Lorenzo acollerá a xornada Estrea Estilo! na que os pequenos comercios de Santiago poderán exhibir as súas novas coleccións de moda téxtil, calzado, complementos, etc. Desta forma, os visitantes poderán realizar un atractivo circuíto polo Pazo convertido nunha pequena fiestra ao universo de novidades que cada establecemento queira presentar aos seus clientes.

No evento poden participar ata un máximo de 40 comercios de distintos sectores. Establécense como sectores preferentes ou prioritarios o sector téxtil, de calzado, complementos, perfumería, produtos gourmet ou floraría. A participación e asignación de espazo aos distintos comercios solicitantes establecerase seguindo a orde de inscrición e a representatividade dos distintos sectores favorecendo así a heteroxeneidade e atractivo da oferta e características dos espazos dispoñibles.

O prazo de inscripción remata mañá 25 de abril. Poden solicitar a participación neste certame pequenos comercios con tenda física no municipio de Santiago de Compostela. A inscrición realizarase a través do formulario habilitado na web municipal www.santiagodecompostela.gal a partir de hoxe venres.

Os comercios poderán solicitar toda a información que precisen para valorar a súa participación no evento no correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal ou nos teléfonos da secretaría técnica 606955797 / 649610692. Máis información tamén nesta web municipal e nos perfís de Estrea Estilo! en Facebook e Twitter.

Os visitantes a Estrea Estilo! poderán realizar as súas compras rodeados de incentivos e sorpresas, nunha xornada lúdica e chea de atractivos: actuacións musicais, dj, gardería- ludoteca e inchable para cativos, así como sesións de beleza para os que teñan realizado compras aos comercios participantes.

Outro atractivo da xornada será o "tren lanzadeira" que ligará o centro da cidade co Pazo, con saídas ás horas en punto desde a Praza do Obradoiro (ás 12, 13 e 14, 17, 18, 19 e 20 ) con paradas ás e cuarto e as menos cuarto na Praza de Galicia (12.15, 12.45, 13.15, 13.45, 14:15, 14:45, 17.15, 17.45, 18.15, 18.45, 19.15, 19.45, 20.15). O regreso desde o Pazo terá lugar a cada hora con saídas ás e media (12.30, 13.30 e 14:30, 17.30, 18.30, 19.30 e 20.30) con parada na Praza de Galicia e finalizando cada traxecto na Praza do Obradoiro.

Compartir: