SEGURIDADE CIDADÁ

A Xunta local de Seguridade constata un aumento de furtos en locais de ocio polo que recomenda estremar a vixilancia dos obxectos persoais

23/04/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu a xuntanza da Xunta local de Seguridade xunto co subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Na xuntanza tratáronse temas relativos á seguridade cidadá, á vial e ao ámbito específico do rural.

No que respecta á seguridade cidadá, os datos de 2013 son positivos e constátanse baixadas con respecto aos de 2012. Así, houbo un 2,69% menos de infraccións, un 3,62 de delitos e un 2,07 de faltas. Non obstante, neste primeiro trimestre de 2014 prodúcese un leve repunte no que a faltas (furtos) se refire (un aumento do 14%), se ben en abril as cifras comezan a remitir. A este respecto, máis das tres cuartas partes dos furtos prodúcense a mulleres e en locais de ocio, polo que se fai un chamamento a toda a cidadanía a estremar a vixilancia das pertenzas e obxectos persoais.

Tanto o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, como o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, indicaron que xa se está a traballar especificamente neste asunto en coordinación con todos os corpos policiais e tamén cos propios locais nocturnos.

Tamén no ámbito da seguridade cidadá, o concelleiro sinalou que o ano pasado Santiago rexistrou 421 manifestacións das que só 191 foron comunicadas á Delegación do Goberno. Así mesmo, a xuntanza serviu para avanzar nos dispositivos de seguridade de cara a eventos como a Ascensión, o Apóstolo ou a Volta Ciclista que terá lugar en setembro.

O ámbito rural tamén foi obxecto de análise na reunión. Luis Bello salientou que se segue a traballar para evitar o roubo de cable e para atender as circunstancias específicas desta área compostelá. Tamén indicou o edil que se ben se produciu algún roubo con forza, en Santiago non hai roubos con violencia.

A Xunta abordou así mesmo cuestións relativas á seguridade vial, xa que, como lembrou o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, o 8 de maio entre en vigor unha nova normativa. Por último, deuse conta dos expedientes por incumprimento do horario de peche nos locais.

Compartir: