ÁREA DE DESENVOLVEMENTO URBANO E SOSTIBLE

Un investimento de 650.000 permitirá a renovación completa da avenida Quiroga Palacios

21/04/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentaron o proxecto de renovación da avenida Quiroga Palacios, obra moi demandada polos veciños da zona dado o deterioro tanto das beirarrúas como do propio vial. A actuación, na que se investirán 650.000 euros, farase con cargo aos fondos Urbana Norte conseguidos das baixas doutros contratos e terá un prazo de execución de 6 meses.

A avenida de Quiroga Palacios conecta a avenida de Lugo coa zona superior do Parque de Belvís, o Convento e o Seminario Menor. Atópase na súa maior parte dentro do ámbito do PERÍMETRO AZUL ou ZONA DE RESPETO E PROTECCIÓN DA PAISAXE E SILUETA URBANA, , e unha parte pequena da rúa (a máis próxima a Belvís) atópase dentro dos límites do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1).

O tramo que discorre polo ámbito do Perímetro Azul é o máis urbano, delimitado por aliñacións de edificios residenciais de cinco plantas de altura, e ten unha sección de 12 metros dividida en dúas beirarrúas de 2 m, aparcamento en liña a ambos lados da vía (2 x 2,50 m) e unha zona de vía rodada da 3,5 m de ancho.

Mentres, o tramo que discorre dentro do plan especial PE-1, ten un ancho variable de aproximadamente 8 m, delimitado polos muros de peche de parcela do Convento de Belvís e o Seminario Menor. Dispón dunhas beirarrúas estreitas, cunha dimensión media de 1,40 m e 1 m respectivamente, destinando a maior parte do espacio dispoñible a vía rodada e zona de aparcamento.

O tráfico rodado establécese en sentido descendente, e ao seu fluxo incorpóranse ademais os vehículos procedentes das rúa de Batalla de Clavijo e Rúa de Puente la Reina.
A Avenida Quiroga Palacios conéctase coa Rúa de Puente la Reina de forma peonil en dous puntos do seu trazado a través de escaleiras de varios tramos. Unha destas conexións efectúase a través da Rúa Batalla de Clavijo, cunha diferencia de cota moi considerable.

Un terceiro acceso conecta a Avenida Quiroga Palacios coa Rúa Batalla de Clavijo, a través dunha escalinata na Rúa Bispo Teodomiro.

A rúa dispón de alcorques e árbores na beirarrúa dos números impares, ademais de existir dúas árbores na beirarrúa dos pares (un na confluencia coa Rúa de Puente la Reina e outro no comezo da escalinata da Rúa Batalla de Clavijo.

Estado actual
A rúa presenta unha serie de deficiencias importantes como son a dimensión insuficiente dos alcorques das árbores existentes na beirarrúa dos números impares ou a rotura de numerosas lousas do pavimento das beirarrúas.
Obsérvase no percorrido da rúa unha deficiencia de pasos de peóns que permitan conectar ambos lados da rúa. Ademais, existen puntos conflictivos nos encontros entre as escaleiras de baixada ás Rúas de Puente la Reina e Batalla de Clavijo, xa que o ancho da beirarrúa queda moi reducido e faltan elementos de protección fronte a caídas.
A iluminación é de tipo mural e atópase en bo estado, aínda que o tendido é aéreo en lugar de soterrado.

Actuación
A proposta prevé realizar un reparto das superficies da vía pública máis adecuado para os peóns, cunha nova configuración da sección da rúa existente. Resólvense tamén as deficiencias detectadas nas zonas de encontro entre as escaleiras e as beirarrúas. Mellóranse así mesmo o número e dimensións dos pasos de peóns, e resólvense correctamente os vados.

Polo que respecta ás árbores, proponse conservar os dous exemplares actualmente existentes na beirarrúa dos números pares (por ter un bo porte), e prevese plantar novos exemplares de liquidámbar en ambos lados da rúa., redimensionando a maior parte dos alcorques existentes e xerando uns novos na beirarrúa dos números pares.

Elimínase a liña de aparcamentos no tramo mais estreito da rúa (entre o convento e o seminario) e polo contrario, mantense as dúas liñas de aparcamentos no resto da avenida (no tramo onde se sitúan os edificios residenciais). A nova rúa terá un mínimo de 48 prazas de aparcamento, sendo 2 delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Reutilízase o mobiliario existente manténdose así as paradas de bus e os bancos actuais.

No apartado de instalacións levarase a cabo o soterramento da rede aérea de alumeado público aproveitando o levantado dos pavimentos. Os materiais proxectados para estes son baldosas de terrazo e bordes de granito en beirarrúas, lastras de granito nas zonas de encontro entre beirarrúas e escaleiras, lastras de terrazo nas zonas de aparcamento e lousa continua de formigón na zona de tránsito de vehículos.

Tanto o alcalde como a concelleira salientaron a importancia desta obra nun vial xa moi deteriorado. A previsión é que se contrate dentro de 2, 3 meses e se poida empezar a traballar en agosto ou setembro.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: