ALCALDÍA

O alcalde continúa a rolda de contactos coas institucións da cidade para a defensa do partido xudicial de Santiago

16/04/2014 O rexedor compostelán, Ángel Currás, continúa as reunións con diferentes entidades da cidade para recabar apoios para o mantemento do partido xudicidal de Santiago tal e como está agora. Nesta ocasión tratábase da Cámara de Comercio, representada polo seu presidente, Jesús Asorey. A semana pasada mantivo un encontro cos decanos dos colexios de avogados e procuradores.

Trala xuntanza, Ángel Currás, manifestou o seu agradecemento á Cámara de Comercio polo apoio decidido ao mantemento da demarcación xudicial de Santiago tal e como se atopa ata o de agora e lamentou os prexuízos que podería ter para a cidade o feito de que se modificara, tal e como prevé o Anteproxecto de lei do poder xudicial. Indicou Currás que aínda que desaparezan os partidos xudiciais, débese manter o Tribunal de instancia cunha demarcación que non sexa provincial. "Que Santiago siga mantendo os 14 xulgados", sinalou. O alcalde lembrou que se seguirá reunindo con outras entidades como o Club Financeiro e a USC así como cos voceiros dos grupos municipais con representación no Concello.

Pola súa banda, Jesús Asorey lamentou as repercusión que o cambio podería ter para os cidadáns de a pé e para os afiliados á Cámara de Comercio, xa que suporía un prexuízo non só económico, senón de pérdida de tempo e merma do servizo. Así mesmo recordou que Santiago e "a terceira cidade en asuntos xudiciais no que respecta ao ámbito da Cámara".

Na reunión tamén se trataron outros asuntos de interese para ambas institucións como a marcha do aeroporto de Lavacolla ou a estación intermodal. A este respecto, o alcalde anunciou que a vindeira semana manterá unha reunión co conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, para abordar a situación deste equipamento e tamén da EDAR. En breve, reunirase co secretario de estado de Infraestruturas para ir dando pasos cara adiante en todos os proxectos en marcha. Sobre Lavacolla, o rexedor manifestou a súa confianza en que a tendencia de caída do aeroporto xa rematou e pronto volverá medrar grazas ás novas rutas.

Compartir: