CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humaninade de España e Seo Bird Life convocan o primeiro concurso de fotografía "Cidades Patrimonio e Natureza"

16/04/2014 O concurso desenvolverase nas redes sociais do Grupo e o prazo de envío de fotografías será ata o 15 de xuño.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e SEO/BirdLife convocan a profesionais e afeccionados da fotografía a participar na primeira edición deste concurso fotográfico no que Patrimonio Cultural e Natural serán os protagonistas a través das aves que habitan no valioso patrimonio histórico-artístico das 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Fomentar, recoñecer, difundir e premiar a creatividade e orixinalidade na arte de fotografar as aves nos seus hábitats urbanos históricos é o obxectivo do certame, que servirá de vehículo para mostrar a variedade e riqueza do Patrimonio Natural destas localidades, e en especial a ornitolóxica, en relación co patrimonio arquitectónico monumental que as caracteriza e distingue.

Para participar no concurso os interesados deben ser fans de www.facebook.com/grupocphe e enviar a redes@ciudadespatrimonio.org un máximo de dúas fotografías. Estas imaxes deben captar un momento especial, unha escena orixinal ou rechamante na que aparezan aves que habiten nos cascos históricos dalgunha das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade, xunto cunha breve explicación sobre esta: o lugar en que foi tomada, o nome da ave e do lugar, a data, etc.

O Grupo de Cidades Patrimonio e SEO/BirdLife avaliarán tanto a calidade e orixinalidade das fotografías, da ave captada e do lugar en que foi tomada a imaxe.

O prazo para o envío de fotografías estará aberto ata as 24 horas do día 15 de xuño de 2014. A partir desa data, tras a reunión e deliberación do Xurado, os gañadores daranse a coñecer nas páxinas web do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e de SEO/BirdLife e a través das redes sociais destas dúas organizacións.

O autor da máis votada polo Xurado, composto por representantes do Grupo de Cidades Patrimonio e SEO Bird Life, obterá como Primeiro Premio dúas noites de aloxamento con almorzo (cuarto dobre) nun dos Paradores Nacionais das Cidades Patrimonio.

Ademais, os autores das fotos que obteñan o Segundo e Terceiro Premio recibirán un exemplar do libro "Patrimonio Natural. Cidades Patrimonio da Humanidade de España", unha obra na que mediante un percorrido inédito, literario e visual, se busca dar a coñecer e potenciar os valores naturais que hai máis alá dos monumentos, con preto de 200 fotografías e a participación de 26 recoñecidos escritores e fotógrafos, os que traducen en palabras e imaxe esta riqueza tan pouco coñecida e valorada dos espazos urbanos.

Esta actividade conxunta do Grupo de Cidades Patrimonio e SEO Bird Life enmárcase no acordo marco de colaboración asinado o pasado ano por ambas as dúas entidades non lucrativas para a realización de proxectos e programas de posta en valor, difusión e estudo do rico e variado patrimonio natural das cidades que forman o Grupo, que complementa os valores únicos que as fixeron merecedoras de figurar na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Documentos relacionados



Compartir: