DESENVOLVEMENTO URBANOS SOSTIBLE

Un plan de xestión da auga de rego permitirá aforrar 190.000 metros cúbicos

15/04/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentou en rolda de prensa o Plan de xestión para o aforro de auga de rego en zonas verdes, outra das melloras que acometerá a empresa Cespa dentro do contrato de mantemento das zonas verdes do municipio. Preténdese pasar de 350.000 a 160.000 metros cúbicos de auga empregados.

Segundo salientou a concelleira, trátase dunha das melloras máis importantes, polo que supón de aforro enerxético, en auga e en recursos económicos e humanos. O obxectivo é a automatización de todas as instalacións de rego manual co que se implantará de forma masiva o rego por evapotranspiración, ou o que é o mesmo, o axuste automático diario do tempo de rego en función dos parámetros climáticos. A pretensión é acadar um consumo de só 160.000 metros cúbicos.

María Pardo sinalou que "con esta instalación teremos un sistema de rego centralizado en todos os grandes parques o que permitirá a corrección de problemas na aplicación da auga".

Na actualidade só o 6% da superficie axusta o tempo de rego de forma automática cada día. Con esta mellora pasarase ao 87%, co que se obterá un cambio significativo.

Actualmente a superficie regada de forma manual é dun 30% e con estes cambios pasará ao 5%.

E estas porcentaxes son importantes se temos en conta que a superficie de zonas verdes en Santiago é de 2.276.500 m2. Destes, 2.037.467 m2 é o que ocupa a vexetación e régase o 44% desta superficie.

Ademais hai que ter en conta que tamén se rega o 24% do arboredo en gabia, é dicir, das 7.611 árbores en gabia da cidade, réganse 1.810 árbores.

A isto debemos de sumar o rego de 147 xardineiras e o rego de areeiros para evitar po en verán.

Para poder levar a cabo o rego é necesaria auga, moita auga e, actualmente esta cuantifícase nunhas necesidades anuais de 350.000 m3.

Como estamos a ver estes días os números da xestión de zonas verdes son moi importantes dada a magnitude dun servizo deste tipo.

Segundo o establecido a actualización da xestión da auga realizaríase nun ano e medio e o custo deste programa será de 690.585,25 €.

Compartir: