EDUCACIÓN

A obra "Ícaro" faise co VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

11/04/2014 A concelleira de Educación, María Castelao, visitou a xuntanza do xurado do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, que finalmente gañou obra "Ícaro" de Federico Delicado Gallego, de Cidade Real.

Os membros do xurado destacaron a variedade dos 255 álbums ilustrados que se presentaron ao Premio, procedentes de 21 países. Despois dunha longa deliberación debido á alta calidade dos traballos presentados, o xurado acordou por maioría conceder o VII Premio Internacional "Compostela" de Albums Ilustrados á obra "Ícaro" de Federico Delicado Gallego, de Cidade Real (España), presentada baixo o pseudónimo Tres Pájaros. Habitación 44.

O xurado destaca da obra gañadora a perfecta simbiose entre texto e ilustración, que se complementan mutuamente e ofrecen múltiples lecturas. Consideran que o álbum é unha homenaxe a dous grandes creadores, Fran Kafka e Eduard Hopper. "Trátase dun texto moi contemporáneo que consegue aguilloar nas conciencias, sendo provocador e esperanzador á vez. Non deixa indiferente a ningúen, facéndonos dubidar de onde comeza a realidade e onde remata a fantasía".

A calidade plástica da ilustración reflíctese nas atmósferas creadas que engaden profundidade e densidade á lectura. As pistas que se apuntan en cada imaxe abren a posibilidade a novas interpretacións. Un álbum, en definitiva, para pensar e sentir.

Así mesmo, o xurado declara finalista a obra "Sonho com asas" de Fátima Afonso e Mª Teresa Martinho Marques, de Setúbal e Azeitao (Portugal), respectivamente.

Tamén recomenda, pola súa calidade, a edición dos traballos seguintes: "Antoni Gaudí", de Dàlia Adillón Mars, de Vic (Barcelona); "Pescadoras" de Nadia Graciela Menotti Ayala, de Bos Aires (Arxentina); e "Máquina Ballena" de Federico Fernández Alonso e Germán González Pintos, de Vigo (Pontevedra).

O xurado estaba formado por Ángel Currás Fernandez, Alcalde do Concello de Santiago de Compostela e por delegación, Dna María Castelao Torres, Concelleira-Delegada de Educación. Como vogais actuaron D Joao Vaz de Carvalho (ilustrador), Dna Fina Casalderrey Fraga (escritora), Dna Angeles Abelleira (mestra), Dna Manuela Rodríguez Lorenzo (representante de Kalandraka) e D Xosé M. Rodríguez-Abella Gómez (Xefe do Departamento de Educación do concello). a secretaria foi Paloma Díaz Blanco, técnica do Departamento de Educación.

Compartir: