MOBILIDADE

A Policía local pon en marcha esta semana unha campaña de control da velocidade en vías urbanas

31/03/2014 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, anunciou que esta semana a Policía Local realizará controis de velocidade de vehículos nas estradas de Santiago, sumándose así á campaña posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico.

Trátase dunha campaña preventiva que ten como obxectivo evitar que se produzan accidentes de tráfico provocados por un exceso de velocidade. Os controis realizaranse nas vías urbanas durante esta semana, entre o luns 31 e o sábado 6 de abril e anunciaranse nos paneis informativos da cidade.

O exceso de velocidade segue sendo un dos principais problemas para a ordenación do tráfico da cidade e, aínda que se trata dunha porcentaxe pequena de condutores (o resultado en 2013 das denuncias en España por exceso de velocidade por parte da Garda Civil foi do 3,5%, mentres que no termo municipa de Santiago é de 1,15%), estes poñen en perigo ao resto de cidadáns, especialmente no caso das confluencias de tráfico e peóns. Luis Bello fixo fincapé en que o parque móbil de Santiago conta con 64.000 vehículos pero que diariamente circulan polas nosas vías, segundo datos de 2013, uns 114.000 vehículos.

Segundo indicou o edil, nun 23,5% dos casos de accidentes mortais en estrada apreciouse a velocidade como un factor concurrente e levar unha velocidade adecuada á vía podería evitar practicamente unha cuarta parte dos mortos en accidentes de tráfico. Bello lembrou así mesmo que a partir dos 80 quilómetros hora é case imposible que un peón se salve nun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 quilómetros hora o risco de morte dun peón se reduce ao 10%.

Na última campaña realizada en Santiago, que se fixo do 19 ao 25 de agosto, dos 2.147 vehículos controlados só 12 superaban os límites de velocidade e foron propostos para sanción, o que supón unicamente un 0,55% do total. Outro dato que destacou o concelleiro foi que dende a entrada en vigor da lei do permiso por puntos, máis dun 40% das sancións e máis dun 48% dos puntos que se retiraron foron por causa do exceso de velocidade.

No que respecta ás sancións, se o exceso de velocidade é de 20 qm/h a multa é de 100 euros; 300 si o tramo do exceso se atopa entre os 21 e os 30 qm/h; 400 euros entre 31 e 40 qm/h; 500, entre 41 e 50; e 600 cando se supera o dobre.

Compartir: