ÁREA DE DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

María Pardo participa nunha xornada sobre licenzas municipas achegando a experiencia do Concello de Santiago

25/03/2014 A xornada "licenzas municipais, nova normativa e como afecta ás empreas do sector da xestión dos residuos" tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios de Galicia durante a xornada do martes 25.

A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, participou na mesma cun relatorio titulado "ventaxes e desventaxes da supresión das licencias municipais nos concellos", e achegou a experiencia do Concello como caso práctico. Pardo explicou que Santiago se adiantou á normativa autonómica na transposición das directivas europeas nesta materia.

Desde a súa chegada á Concellería de Urbanismo, en 2001, foi un obxectivo impulsar aquelas iniciativas que puideran beneficiar o emprendemento, o emprego e a eficiencia da administración, simplificando e axilizando trámites.

Por iso Santiago estivo entre os primeiros na introdución da declaración responsable como mecanismo de supervisión municipal, ademais acompañouse esta medida cun novo rexistro de urbanismo que posibilita completar en poucos días moitos trámites que antes tardaban meses.

Impulsáronse novas ordenanzas que apoian os emprendedores, como a de publicidade ou a de terrazas, ao tempo que enchen un baleiro legal existente servindo así como protección do patrimonio, consumidores e usuarios.

E iniciouse a tramitación do novo Plan Especial do Casco Histórico, coa clara intención de mellorar a accesibilidade das vivendas e comercios así como de ampliar os usos comerciais a plantas máis alá da primeira.

Medidas todas complementadas con nova regulación en materia dos edificios e locais fóra de ordenación, que permitirá acometer reformas en moitas propiedades que ata agora se encontraban, dende hai moitos anos, sen posibilidade doada de adecuación á normativa actual.

En palabras da concelleira "todo iso demostrou que, con vontade, é posible impulsar a creación de emprego dende cada área da nosa esfera de competencia política, ao tempo que melloramos a sostibilidade e as condicións de vida dos cidadáns. No último ano, o desemprego reduciuse un 7% na nosa cidade e gustaríame pensar, con humildade, que nalgunha décima puideron contribuír estas medidas, pois con ese obxectivo se acometeron".

O evento estaba organizado pola Asociación Profesional de Ëmpresas Medioambientais de Galicia, APROEMA.

Compartir: