FESTAS

Un Antroido con Xenerais da Ulla, participación activa dos barrios e un Meco podador de brotes verdes

25/02/2014 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou en rolda de prensa a programación do Antroido 2014. O desfile do martes 4 será o punto forte dun calendario que inclúe o desfile e queima do Meco, un festival infantil de disfraces e un concerto especial da Banda Municipal, entre outras actividades.

A programación do Antroido arrancará o sábado 1, ás 20:00 horas, co desfile do Meco dende a praza de Cervantes ata a praza do Toural, pasando polas rúas Nova e do Vilar. O Meco subirá a iso das 20:30 horas ao Pazo de Bendaña, onde permanecerá ata o 5 de marzo. A animación musical porana as comparsas Os Conformistas, de Conxo e A Ruliña, de Laraño.

O Meco foi deseñado un ano máis por José Manuel Méndez, quen explicou que, nesta ocasión, a figura ironiza sobre os chamados "brotes verdes", que el se encarga de "chapodar". O boneco, coa súa tradicional cabeza de porco, está elaborado co material combustible e os foguetes que permitirán a súa queima o mércores de cinza.

O domingo 2, a Banda Municipal de Música ofrece un concerto especial no que interpretará un programa con bandas sonoras de Disney a partir das 12:00 horas no Teatro Principal. Os Conformistas de Conxo porán a animación musical durante a xornada polas rúas de Compostela.

Concurso infantil
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase o Concurso Infantil de Disfraces na Sala Capitol. Está dirixido a nenos e nenas de ata 14 anos. A inscrición é gratuíta e realizarase na mesma sala.

Establécense tres categorías de participación: individual, parella e grupo a partir de tres persoas. Haberá premios para os tres primeiros clasificados nas modalidades de grupo e de parella, e para os cinco mellores disfraces individuais. Os galardóns outorgaranse en metálico (200, 150 e 100 euros) para os mellores grupos, mentres que o resto de premiados recibirán tablets, libros electrónicos, cámaras dixitais ou equipos de música.

Desfile do martes de Antroido
Como en cada Antroido, o desfile do martes será o punto forte do programa. Ata o momento segundo indicou Francisco Noya, xa teñen confirmada a participación unhas 15 carrozas e 20 comparsas. Ademais, a previsión meteorolóxica fala dun "día primaveral", polo que o concelleiro agarda que o desfile luza máis que nunca.

A comitiva estará encabezada por primeira vez polos Xenerais da Ulla, unha vez que en 2013 se vira frustrada a súa participación polo mal tempo. A delegación estará formada por catro correos, o Coro do Bonito e 14 xenerais. En Santiago, son catro as parroquias que manteñen esta tradición do Antroido dos Xenerais da Ulla, declarado recentemente Festa de Interese Turístico Galego: Marrozos, O Eixo, Aríns e Angrois, e veciños destas zonas serán os que formen esa comitiva.

Tal como lembrou o concelleiro, o tradicional desfile do martes de Antroido está aberto a todas as asociacións, barrios, comunidades, colexios e persoas que o desexen. Comezará ás 17:30 horas na Estación do Ferrocarril, seguindo o seguinte itinerario: Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I. Unha vez rematado o desfile as carrozas aparcarán na avenida de Coruña e as comparsas participantes irán ao paseo central da Alameda.

A inscrición para o desfile-concurso formalizarase na Concellaría de Festas (Teatro Principal - rúa Nova, 21) ata as 14:00 horas do luns 3 de marzo.

Haberá varias categorías de participación: carrozas, comparsas, grupos, parellas e individual. Os elixidos como gañadores polo xurado repartiranse 12.220 euros en premios. Nas categorías de carrozas e comparsas, os primeiros clasificados levarán 2.000 euros, polos 400 que levará o mellor grupo, os 300 da mellor parella o os 200 do mellor disfrace individual. Ademais, haberá premios especiais para as mellores comparsas procedentes das parroquias e barrios do municipio.

En relación aos premios, o edil recalcou que se manteñen respecto á edición de 2013 e que son "dos máis altos de Galicia". Ao remate da entrega de premios, actuará a orquestra Ismael no paseo central da Alameda.

Queima do Meco
A programación do Antroido concluirá o mércores 5 de marzo co acompañamento do Meco dende a praza do Toural ata a praza Roxa, seguindo o seguinte percorrido: rúa Nova, rúa do Vilar, rúa da Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. A Banda Municipal acompañará nesta última viaxe ao Meco, que logo arderá na praza Roxa.

Tamén apuntou o concelleiro que a máquina de fillas de Lestedo estará durante as xornadas do venres, sábado e domingo na praza Roxa, e o luns e o martes na Alameda.

Finalmente, Francisco Noya tivo un recordo para o esforzo que se realiza dende os Centros Socioculturais para preparar o Antroido. Á ampla programación dos 29 centros en relación a esta celebración súmase a participación no desfile do martes de Antroido de máis de 300 nenos e adultos en tres comparsas preparadas nos locais socioculturais.

Documentos relacionados



Compartir: