EDUCACIÓN

O Concello e a Consellería de Cultura e Educación acordan un investimento de case 500.000 euros nos centros educativos

24/02/2014 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Santiago de Compostela acaban de acordar un investimento de preto de 500.000 euros para a mellora das instalacións dos centros educativos da capital galega, en concreto en todos os centros de infantil e primaria de Santiago. O secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e a concelleira de Educación, María Castelao; reuníronse para abordar as reformas prioritarias nos colexios da cidade, co fin de que as obras poidan comezar en canto o calendario lectivo o permita. No encontro estivo ademais presente a subdirectora xeral de Construcións e Equipamento, Mª Jesús López.

Segundo o acordado, a Consellería achegará 140.000 euros para a realización de traballos de mellora que se centrarán fundamentalmente nas instalacións dos CEIP Monte dos Postes, Raíña Fabiola, Mestre Rodríguez Xixirei, Lamas de Abade e CEIP das Fontiñas, sen prexuízo de actuacións menores noutros centros.

Pola súa parte, a achega do Concello ascenderá a 350.000 euros, destinados a obras en todos os centros do termo municipal, e consistirán basicamente en labores de mantemento das infraestruturas. O obxectivo é que as obras comecen canto antes e así a concelleira xa comprometeu o inicio da intervención municipal nesta vindeira semana no CEIP Monte dos Postes.

Simultaneamente coa realización destas, estase a enviar aos centros educativos situados no termo de Santiago o equipamento correspondente á ultima fase do Proxecto Abalar, cun investimento de máis de 500.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

Con esta colaboración a Consellería e o Concello poñen de manifesto o compromiso de ambas as institucións coa comunidade educativa compostelá, dando resposta ás súas demandas a través dun forte investimento no actual contexto de crise económica.

Compartir: