TURISMO

Turismo de Santiago continuará promocionando as conexións aéreas internacionais de Lavacolla neste 2014

27/01/2014 Turismo de Santiago definiu a súa axenda de reunións na pasada edición de Fitur en función das conexións aéreas coas que contará a cidade nesta temporada de verán, que será a de maior conectividade internacional da historia do aeroporto, con trece conexións xa confirmadas: Bruxelas, Roma, Londres Stansted e Londres Gatwick, Estambul, París, Dublín, Frankfurt, Milán, Xenebra, Basilea, Zurich e Caracas. A concelleira de Turismo, Reyes Leis, fixo balance en rolda de prensa destas xuntanzas na feira madrileña.

En Fitur realizáronse reunións cos responsables das Oficinas Españolas de Turismo dos principais mercados con conexión directa para amosarlles os atractivos da cidade e a oferta turística cara o ano 2014, no que se celebra o oitavo aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís, para que a través destas oficinas, dependentes de Turespaña e que cada ano atenden milleiros de peticións de información de público xeral e profesional, poidan ofrecer información actualizada da cidade.

Turismo de Santiago reuniuse cos responsables das OETs de Roma e Bruxelas, que este ano terán unha nova conexión con Lavacolla a través de Vueling. Tamén se reuniu con responsables das OETs de Londres, Milán, París, Dublín e Zurich, que traballa en todo o mercado suízo. Ademais, mantivo xuntanzas cos responsables das OETs doutros mercados interesantes para a cidade como Berlín, Tokio, Sao Paulo e Nova York.

Turismo de Santiago tamén asinou un convenio de colaboración con Turkish Airlines, que dende maio pasado conecta Lavacolla con Estambul nunha ruta que xa empregaron máis de 20.000 pasaxeiros. Grazas a este convenio, que non ten ningún tipo de contrapartida económica, Santiago e a conexión co hub de Turkish Airlines en Estambul poderán promocionarse en distintos eventos que terán lugar en países nos que opera a compañía, como Xapón, Corea, Rusia, Israel ou Turquía.

A propósito das conexións internacionais, a concelleira anunciou que se seguirán promocionando neste 2014, ben en base a convenios –no caso de Ryanair ou Vueling- ou en base a outro tipo de accións non recollidas expresamente en convenios. Neste último caso, puxo como exemplo as realizadas en 2013 con compañías como Aer Lingus ou EasyJet. Indicou que o orzamento municipal de Turismo de Santiago para promoción internacional será de 800.000 euros.

O obxectivo de Turismo de Santiago é que o aeroporto e Lavacolla continúe aumentando o seu tráfico internacional, que no ano 2013 logrou o seu mellor resultado histórico neste capítulo, con máis de 350.000 pasaxeiros nas súas rutas internacionais directas, cun crecemento de máis do 26% respecto a 2012 e de case o 60% respecto a 2011, cando houbo 220.000 pasaxeiros nestas conexións.

Ademais das promoción internacional a través das OETs, Fitur serviu como foro de presentación aos profesionais do sector de Área Santiago, entidade formada por 19 concellos da área de influencia da cidade, co obxectivo de amosar a ampla e diversa oferta turística que se pode atopar en Santiago e nas súas proximidades. Tamén serviu para promocionar o Entroido dos Xenerais da Ulla, que neste ano estreará a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Compartir: