TURISMO

Turismo de Santiago e Aer Lingus sortearán unha fin de semana en Dublín na principal feira turística de Irlanda

23/01/2014 Turismo de Santiago participará por segundo ano consecutivo na Holiday World Show, a principal feira turística de Irlanda, que se celebra en Dublín este fin de semana. A empresa municipal de promoción turística terá un espazo no stand de Turespaña, onde sorteará unha viaxe dunha fin de semana para dúas persoas en colaboración con Aer Lingus, a Oficina Española de Turismo en Irlanda e o Hotel A Quinta da Auga.

Turismo de Santiago continúa deste xeito apostando polo mercado irlandés como un dos mercados con máis posibilidades de crecemento na cidade a curto prazo. Nesta aposta enmárcanse as múltiples accións de promoción que se desenvolveron no último par de anos como a colaboración con Aer Lingus, Turespaña e Paradores no sorteo dunha viaxe a Santiago no programa Saturday Night Show, da televisión pública irlandesa RTÉ; a presenza da cidade por primeira vez na Holiday World Show no ano 2013, ou a organización de viaxes de xornalistas e touroperadores para que coñecerán a cidade, en colaboración con Aer Lingus, a Oficina de Turismo de España en Irlanda e a Asociación Hostalería Compostela.

A evolución dos datos do mercado irlandés nos últimos anos amosa que se trata dunha estratexia acertada. O número de peregrinos irlandeses creceu no 2013 un 30% respecto do 2012 ata chegar aos 5.012, unha cifra que sitúa a Irlanda como o sexto país con maior número de peregrinos, só superada por Alemaña, Italia, Portugal, EEUU e Francia. Se a comparación se fai co Ano Santo 2010, cando houbo 2.296 peregrinos irlandeses, o crecemento foi do 118%.

A importancia crecente do mercado irlandés para a cidade tamén se reflicte na evolución da conexión de Aer Lingus que une Dublín e Santiago. Esta conexión operou o ano pasado por primeira vez durante toda a temporada aérea de verán, de abril a outubro, logrando un crecemento do 49,9% respecto ao 2012, superando os 27.000 pasaxeiros.

Documentos relacionados



Compartir: