BENESTAR SOCIAL

Concello e Cruz Vermella poñen en marcha un programa de reforzo escolar para os nenos e nenas do sur da cidade

22/01/2014 O Centro Sociocultural "Aurelio Aguirre" de Conxo acollerá a partir da vindeira semana as sesións do Programa de Apoio Socioeducativo posto en marcha pola Cruz Vermella en colaboración co Concello de Santiago. Lévase así este servizo de reforzo escolar ao sur da cidade, completando o que a Cruz Vermella xa vén prestando para a zona norte nas súas propias instalacións.

A concelleira de Benestar Social, María Castelao, acompañada do coordinador de Cruz Vermella en Santiago, Santiago López, e do técnico de Xuventude desta entidade, Pablo Méndez, presentou este programa, que pretende mellorar o rendemento escolar de nenos e nenas do sur da cidade e combater o fracaso escolar. Segundo indicou a edil, vén tamén a complementar tamén as sesións de reforzo educativo realizadas durante o verán para adolescentes no marco do Urbana Santiago Norte, ou as que se imparten para adultos.

Organizaranse dous grupos de 15 participantes: un destinado aos alumnos de 5º e 6º de Primaria e outro para os escolares de 1º e 2º de Secundaria. Os primeiros terán clase os martes e os mércores de 17:00 a 19:00 horas e os segundos de xoves a venres no mesmo horario.

A solicitude de participación no programa é libre, se ben boa parte dos asistentes serán derivados polas traballadoras sociais municipais e pola propia Cruz Vermella. Catro monitores estarán cos asistentes, axudándolles coas diferentes materias escolares, pero tamén traballando con eles cuestións relacionadas coas habilidades sociais, a resolución de conflitos ou as dinámicas de grupo.

Escolas infantís
Na súa condición de concelleira de Educación e a preguntas dos xornalistas, María Castelao anunciou que para finais desta semana ou principios da que vén estará iniciado o expediente sancionador contra a empresa encargada da xestión das escolas infantís municipais de Conxo e de Fontiñas. Darase conta do mesmo á empresa e abrirase a tramitación dunha multa da que a concelleira dará tamén conta aos pais e nais dos nenos destas escolas.

Este expediente determinará se a falta cometida é grave ou moi grave e imporá a sanción correspondente. Neste sentido, lembrou a edil que o prego de condicións do contrato contempla sancións graves de ata 9.000 euros e moi graves ata 30.000 euros ou mesmo a resolución do contrato.

Sobre a situación actual da prestación do servizo, María Castelao afirmou que o Departamento de Educación ten constatado que se resolveron as deficiencias de persoal e de comunicación que motivaron o inicio do expediente.

Compartir: