BENESTAR SOCIAL

O Concello promove novas accións para reducir o consumo de alcohol entre os mozos nos locais de lecer nocturno

04/12/2013 Retomando as liñas do Plan de Acción Local para Prevención das Drogodependencias, a Concellería de Benestar Social, en colaboración con Hostalería Compostela, pon en marcha unha serie de actuacións dirixidas a mozos e mozas, enmarcadas no ámbito do ocio e tempo libre.

Segundo explicou a concelleira de Benestar Social, María Castelao, o obxectivo destas actividades é "continuar a liña de traballo iniciada polo Concello hai catro meses dentro do mundo da hostalería de lecer para a xente nova, no sentido de asentar a idea das posibilidades de negocio que ten o consumo recreativo sen alcohol". "Ata agora estabamos acostumados a que as grandes distribuidoras de alcohol potenciaran o negocio de ocio nocturno relacionado co consumo de bebidas espirituosas o alcohólicas. Con esta acción queremos mostrar as posibilidades tanto económicas como de ocio que representa o consumo sen alcohol. Non se trata de que o hostaleiro deixe de vender alcohol, senón de que vexa a posibilidade dun novo negocio rendible e saudable consistente no consumo de bebidas sen alcohol".

"O obxectivo fundamental desta campaña é a protección da saúde, coa idea e reducir os consumos abusivos de alcohol no contexto recreativo e de potenciar a idea de que a diversión nos locais de ocio no ten que ir necesariamente asociada co consumo de alcohol", insistiu María Castelao.

As accións están destinadas ao sector hostaleiro, especialmente a aqueles locais de lecer nocturno que teñen como clientes a mozos e mozas. Así, deseñouse un programa de formación, baixo o título de "Servizo responsable", que inclúe tres eixes de actuación.

Formación hostaleira
A primeira liña de actuación é formativa e está destinada aos hostaleiros. Estes recibirán formación sobre consumo responsable e coctelería sen alcohol, e sobre a importancia dunha imaxe de marca como "Santiago é Noite".

Tal como explicou o responsable de Comunicación de Hostalería Compostela, Aser Álvarez, realizaranse xornadas de sensibilización no Centro de Formación e Cultura de Hostalería Compostela arredor dos membros do grupo Santiago é Noite e dunha campaña divulgativa para fomentar a incorporación de máis locais a este grupo de hostalería nocturna. As sesións previstas son as seguintes:

- Importancia dunha imaxe de marca: Santiago é Noite. 7 de decembro, de 18:00 a 20:00 horas.
- Xornada sobre consumo responsable. 10 de decembro, de 18:00 a 20:00 horas.
- Degustación de bebidas e cócteles sen alcohol. 17 de decembro, de 17:30 a 19:30 horas.
- Elaboración de combinados sen alcohol para amantes do gin-tonic. 19 de decembro, de 17:30 a 19:30 horas.

Circuíto de lecer seguro
A segunda liña de acción é o impulso á creación dun circuíto de lecer seguro. Trátase de dar visibilidade social e apoio a aqueles locais que se incorporen ao programa mediante a creación dunha credencial específica. Esta liña de acción concretarase a través dunha campaña de comunicación e mercadotecnia do grupo Santiago é Noite, co fin de consolidar unha marca específica para os locais de ocio nocturno vinculada ao consumo responsable. Tamén se elaborará un mapa ou listado de locais responsables.

Servizo responsable de bebidas alcohólicas
A terceira liña de acción centrarase na adopción de pautas para a promoción dun servizo responsable de bebidas alcohólicas. Plasmarase nunha campaña de comunicación, grazas á que se colocarán autocolantes sobre a necesidade dun consumo responsable nos establecementos adheridos a Santiago é Noite e a este programa de Marcha en Compostela.

Entrega de manteis
Estas tres accións irán acompañadas da entrega de 15.000 manteis individuais dun só uso, con texto e debuxos relativos a responsabilidade que esixe a Lei 11/2010, de prevención de consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Quérese así lembrar as obrigas que a devandita norma impón co obxectivo de reducir o consumo de alcohol por menores e facilitar a convivencia cidadá.

Estas accións son financiadas grazas a unha subvención da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) de 3.080 euros. O Concello achegará 1.500 euros.

Compartir: