TRÁFICO

A posta en marcha do radar do túnel do Hórreo tradúcese nunha redución da velocidade media e en menos sancións

05/11/2013 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, deu conta dos datos do primeiro mes de funcionamento do radar do túnel do Hórreo, activado o 5 de setembro. Destacou que este sistema de control redundou nunha diminución da velocidade media no paso inferior e tamén na redución do número de sancións, se ben aínda se seguen producindo infraccións.

En setembro de 2013, rexistrouse entre os vehículos que pasaron polo túnel do Hórreo unha velocidade media de 53,6 Km/h, fronte aos 66,3 Km/h do mesmo mes en 2012 e de 68,2 Km/h en 2013. Neste sentido, apuntou que, tomando os datos de todo o 2013, dende a activación do radar, a velocidade baixou en 7,83 Km/h. Este dato é aínda máis significativo comparándoo coa media de velocidade en 2012 no paso inferior, xa que a entrada en funcionamento do radar supuxo unha redución de 15,61 Km/h.

Estes datos hai que poñelos en relación co propio tráfico de vehículos dentro do túnel, que se incrementou dende os 687.346 vehículos mensuais de setembro de 2012 (25.418 vehículos diarios de media) aos 752.276 vehículos de setembro de 2012 (29.013 diarios) e aos 778.686 vehículos mensuais de setembro deste ano 2013 (29.331 diarios).

Nos últimos 12 meses -indicou o concelleiro- rexistráronse 9.336.247 entradas e saídas polo túnel. Isto tradúcese nunha media de 29.720 vehículos en sentido entrada ou saída cada día.

Redución das sancións
En canto ás sancións, en setembro impuxéronse 568, cunha media de 19 ao día. Non obstante, Luis Bello apuntou que, fronte a días con máis de 40 sancións, houbo outros, como o mércores 18 de setembro ou o domingo 29 nos que non se impuxo ningunha multa. No mes de outubro, a falta de datos definitivos, produciuse unha significativa redución do número de sancións, afirmou, tras lembrar que a sanción mínima por exceso de velocidade neste punto é de 200 euros.

Compartir: