BENESTAR SOCIAL

Área Central acolle a segunda edición do Campionato Galego de Breakdance

30/10/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, presentou as Santiago Street Battles. Este é o nome que recibe o II Campionato Galego de Breakdande na modalidade 1 vs 1, que terá lugar o sábado 2 de novembro, de 16:00 a 21:00 horas, en Área Central. O evento, organizado polo Concello e Vella Escola, reunirá a competidores de diferentes puntos de Galicia e, nesta segunda edición aspira xa a converterse nun referente a nivel nacional.

Este campionato tivo moi boa acollida na súa primeira edición en 2012, coa participación de 55 mozas e mozos e a asistencia de numeroso público. Este ano xa hai máis de 60 inscritos nunha xornada na que, ademais das propias batallas de breakdance, haberá exhibicións de beatbox, popping, turntablism e graffiti. A inscrición estará aberta ata as 23:00 horas do venres.

O compostelán CRO será o DJ dunha competición na que actuará como speaker Kawa (Vigo). O xurado estará composto por Master, de Black Shadows (Vigo); Joseba, de Eternos Return (Badaxoz); e Dave, de Skillzophrenics & N.W. Fighters (A Coruña).

O gañador levará un premio de 200 euros. O segundo clasificado será obsequiado con 100 euros e o terceiro obterá un agasallo de New Era.

A finalidade última deste evento é potenciar unha alternativa de lecer saudable acorde coas inquietudes e intereses da mocidade, procurando a súa participación activa. O Concello vén xa traballando dende hai tempo neste tipo de actividades vinculadas á cultura urbana: escolas permanentes de breakdance e skate board, talleres de Dj, hip hop, graffiti... Este campionato ten un custo para o Concello de só 1.500 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: