MOBILIDADE

Repintados case 12 quilómetros lineais de zonas de estacionamento para residentes

04/10/2013 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, ofreceu en rolda de prensa datos sobre o estacionamento para residentes, a propósito das tarefas de repintado que se viñeron realizando nas oito zonas existentes, que abarcaron 8.855 metros lineais de zonas verdes 24 horas e 2.900 metros de zonas verdes para residentes polas noites. En breve sumarase outra nova zona, a de Pelamios e Vista Alegre. Ata o momento, xa se concederon máis de 3.300 tarxetas de residente.

Luis Bello lembrou que as zonas de estacionamento para residentes as 24 horas se pintaron cunha cor verde máis visible. En total, pintáronse 8.855 metros das zonas xa existentes e a nova de Santa Marta. Unicamente houbo un cambio na Almáciga, na que unhas 36 prazas se cambiaron de ubicación, pero respectando a mesma proporción entre reservadas e libres.

En canto ás zonas de residentes para a noite (reservadas entre as 20:00 e as 8:00 horas e de aparcamento libre polo día), pintáronse 2.900 metros lineais. Recordou o concelleiro que estas zonas se distinguen das de 24 horas pola liña discontinua branca que se pinta en paralelo á verde.

A desagregación por zonas, metros pintados e tarxetas concedidas é a seguinte:

- Zona 1, Pontepedriña: 1.265 m 24 horas; 245 m noite; 518 tarxetas.
- Zona 2, Vite-Guadalupe: 1.880 m 24 horas; 820 m noite; 1.350 tarxetas.
- Zona 3, San Pedro: 1.685 m 24 horas; 530 m noite; 1.275 tarxetas.
- Zona 4, A Almáciga: 1.635 m 24 horas; 65 m noite; 683 tarxetas
- Zona 5, Ultreia: 195 m 24 horas; 735 m noite; 310 tarxetas.
- Zona 6, Sar: 700 m 24 horas; 275 m noite; 266 tarxetas.
- Zona 7, San Lourenzo: 325 m 24 horas; 230 m noite; 112 tarxetas.
- Zona 9: Santa Marta: 1.170 m 24 horas.

Esta última zona, Santa Marta, non conta con zona de estacionamento para residentes pola noite. Segundo explicou Luis Bello, concentráronse as zonas verdes nunha serie de rúas e o resto de prazas deixáronse de aparcamento libre. Nesta área aínda non rematou a entrega de tarxetas, se ben se concederon xa unhas 70.

A estas oito zonas sumarase a de Pelamios e Vista Alegre. Nunha reunión prevista para o luns, o concelleiro exporalle aos representantes veciñais a proposta municipal, consistente nunhas 60 prazas en total. As reservadas para residentes 24 horas colocaríanse fundamentalmente na Costa Nova e en Pelamios, mentres que en Salvadas irían as de estacionamento reservado pola noite.

Sancións
Bello aclarou que se unicamente se está sancionando os vehículos estacionados irregularmente en zonas de residentes. Pero o Departamento está estudando as posibilidades normativas de que a grúa retire os vehículos infractores no caso de condutores reincidentes. Neste sentido, apuntou que hai condutores, na súa maioría non residentes en Santiago, que acumulan ata 35 sancións. A multa por estacionar irregularmente en zona de residentes é de 60 euros.

Aplicación no móbil
Seguindo co tema do estacionamento, pero neste caso na zona azul da ORA, o edil lembrou que existe a posibilidade de darse de alta nunha aplicación que permite, a través do teléfono móbil, pagar o parquímetro sen desprazarse ata o mesmo, sempre dentro dos límites máximos de rotación existentes segundo as zonas.

Radar do Hórreo
Finalmente e a preguntas dos xornalistas, o concelleiro falou dunha importante redución do número de sancións no túnel do Hórreo en relación ás primeiras semanas dende a colocación do radar fixo. Con todo, chamou a atención sobre o feito de que o 95% dos sancionados non son residentes en Santiago.

Compartir: