CIDADE HISTÓRICA

Aprobado o prego dos traballos de revisión do Plan Especial da Cidade Histórica

10/09/2013 A Xunta de Goberno aprobou o prego de condicións da revisión do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Unha vez sexa publicado, abrirase o prazo para que as empresas aspirantes presenten as súas propostas, entre as cales decidirá a gañadora unha comisión integrada por seis expertos. A redacción desa modificación ten un custo de 452.000 euros, sufragados a partes iguais polo Concello e a Xunta de Galicia.

A concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, María Pardo, indicou que o obxectivo do Goberno municipal é que os traballos poidan estar adxudicados antes de que remate 2013, co fin de que se poida redactar a revisión ao longo de 2014 e aprobar a mesma en 2015. A edil tamén anunciou cinco dos seis nomes que conformarán o comité de expertos que decidirá a empresa que revisará o Plan: Manuel Gallego (arquitecto), Encarnación Rivas (arquitecta e secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo), Manuel Chaín (arquitecto e subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais), Manuel Borobio (arquitecto e director do Instituto de Estudos do Territorio), José Antonio Redondo (catedrático de Economía Financeira da USC) e Ángel Sicart (doutor en Xeografía e Historia).

Entre os obxectivos da revisión do Plan están: a prioridade residencial; a revitalización da cidade histórica baseada na mestura equilibrada de usos; a regulación de actividades mediante normas urbanísticas e ordenanzas flexibles; a recuperación do equilibrio urbano, social e económico; a integración da cidade histórica na trama da cidade; a garantía da accesibilidade e da conectividade; a protección dos valores paisaxísticos; a protección e posta en valor dos valores históricos e formais dos espazos e edificios; o establecemento das condicións ás que se deben someter as edificacións de nova planta e as substitucións de edificios non catalogados; a ordenación da estrutura viaria; ou o establecemento de canles de seguimento e avaliación do Plan.

A redacción deste Plan Especial terá sete fases: información urbanística e diagnóstico, anteproxecto de planeamento como documento de inicio, informe de sostibilidade ambiental, documento para a aprobación inicial, proposta de memoria ambiental, documento para a aprobación provisional e documento para a aprobación definitiva.

O custo do documento é de 452.000 euros, achegados a partes iguais por Xunta de Galicia e Concello de Santiago. As partidas autonómicas distribuiranse do seguinte xeito: 20.000 euros en 2013, 66.000 euros en 2014 e 2015 e 74.600 en 2016; mentres que o Concello achegará 76.000 euros en 2014 e 2015, e 74.600 euros en 2016.

Compartir: