BENESTAR SOCIAL

Benestar Social imparte cursos de reforzo educativo a 30 mozos e mozas

28/08/2013 O concelleiro de Benestar Social en funcións, Adrián Varela, visitou os cursos de reforzo educativo organizados pola Concellería de Benestar Social en colaboración co grupo Igaxes3. Máis de 30 alumnos e alumnas de diferentes niveis educativos participaron nos meses de maio, xuño, xullo e agosto nestas sesións, que se desenvolveron en xornada de mañá, primeiro no Centro Sociocultural José Saramago de Vite e logo na sede de Igaxes3 en San Lázaro.

Segundo indicou o concelleiro tras conversar cos 19 rapaces e rapazas que participaban nesta xornada, con este espazo de reforzo e lecer educativo, tratábase de "reenganchar" a eses mozos e mozas desmotivados, a través da incidencia sobre aspectos transversais da aprendizaxe. Todo isto nun entorno dinámico, combinando estas actividades de estudo con outras de lecer saudable.

Estes cursos pretenden favorecer a adquisición de hábitos e compromisos e a resolución de dúbidas, ademais do cumprimento dos obxectivos curriculares e a promoción educativa. Os monitores traballan coa capacidade crítica dos alumnos e alumnas, promovendo a adquisición de criterios propios e de habilidades que favorezan tanto a súa permanencia no sistema educativo como a súa autoestima.
Os participantes, con diversos perfís (menores con medidas xudiciais, familias con poucos recursos, mozos con materias pendentes en setembro, etc) foron derivados a través dos equipos de orientación dos centros educativos e dos propios servizos sociais do Concello.

As sesións de reforzo desenvolvéronse nos meses de xullo e agosto, de luns a xoves, de 10:00 a 13:30 horas. Organizáronse dous grupos de 15 participantes: un grupo con clases os luns e os mércores, de alumnos de Primaria e 1º e 2º de ESO; e outro con asistencia os martes e xoves, integrado por escolares de 3º e 4º de ESO e Bacharelato. As clases impartíronse no CSC de Vite de maio a xullo, e na sede de Igaxes3 durante o mes de agosto.

Compartir: