CENTROS SOCIOCULTURAIS

Remataron as "Mañás de verán e de xogo" nos centros e locais socioculturais

31/07/2013 Finalizaron as Mañás de verán e as Mañás de xogo nos centros socioculturais de Vite, Conxo, As Fontiñas e Santa Marta, e nos locais socioculturais de Nemenzo e A Gracia. 180 nenos e nenas participaron nas actividades destas dúas iniciativas, incluídas no programa Vive o verán, da Concellería de Centros Socioculturais.

Nesta ultima xornada, os rapaces e os equipos de monitores de todos os centros atopáraronse para gozar dunha maña lúdica no Local Sociocultural da Gracia, onde puideron compartir as experiencias vividas e puxeron un divertido punto final a todo un mes de actividades, no que non faltaron as saídas pola cidade para coñecer puntos de interese, a excursión ao parque acuático de Cerceda, xogos tradicionais, obradoiros, deporte, novas tecnoloxías, grandes xogos e moitas máis actividades.

Nesta última xornada houbo contacontos, actuacións dos grupos de cada campamento e unha merenda. O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, acompañou os rapaces e rapazas nesta sesion final.

Tamén este mércores rematou o campamento infantil realizado na parroquia de Figueiras, onde participaron 25 rapaces de 5 a 12 anos.

Durante o mes de agosto, o programa Vive o verán ten reservada aínda unha sesión do programa Imos ao baile o 30 de agosto no Local Sociocultural de Casas Novas. En setembro, novas citas co programa de excursións e bailes en distintos puntos da rede sociocultural.

Compartir: