Concello de Santiago

[http://www.santiagodecompostela.org]


Contactos do concello
Visítanos no: Facebook Twitter

Festas

O departamento de Festas ten como obxectivo principal o fomento da participación nas distintas manifestacións culturais e lúdicas celebradas durante o ano, mediante a organización e apoio de programas que cronoloxicamente comezan no Nadal coa cabalgata de Reis, o Antroido, a Semana Santa, a Ascensión e o Apóstolo, ademais das festas populares e patronais que se organizan en cada barrio.

A tradicional cabalgata de Reis celébrase o 5 de xaneiro, cun desfile de impactantes carrozas e co seu séquito que percorren as rúas da cidade ata chegar ao Pazo de Raxoi, na praza do Obradoiro, onde os Magos de Oriente reciben os máis pequenos.

O Antroido dispón dunha grande acollida na cidade e ten como momento máis importante o desfile que se celebra o martes, no que a participación é notoria contando con carrozas e comparsas formadas por grupos de veciños, colexios e grupos de amigos, incentivados polos premios que se entregan ao remate da xornada. Toma un significado especial O Meco, personaxe do Antroido, que cada ano está representado por un motivo satírico relacionado coa festa.

Dende o departamento de Festas colabórase tamén coas confrarías na posta en marcha da programación da Semana Santa.

A Ascensión é unha festa que se celebra no mes de maio e na que a xuventude participa dun xeito notable, polo que os espectáculos están enfocados especialmente aos máis novos sen esquecer outros aspectos tradicionais como o Día da Muiñeira, Día do Neno, a Festa dos Maiores no multiusos Fontes do Sar, as orquestras da Alameda, o teatro de sala, de rúa...

As festas turísticas por excelencia son as do Apóstolo, que teñen lugar durante a segunda quincena do mes de xullo combinando distintos programas entre os que está o Compostela Festival, no que se engloban os aspectos máis tradicionais do folclore galego, como o Día de exaltación do traxe galego e as Xornadas de folclore galego, coa música doutras culturas baixo o epígrafe de Músicas do Mundo. Os espectáculos son variados e destinados a todos os públicos e celébranse en varios escenarios da cidade como a praza da Quintana, Toural, Alameda, Obradoiro, Teatro Principal, Auditorio de Galicia, multiusos Fontes do Sar... O programa contempla actividades como cine ao aire libre, concertos de gran formato, pequenos concertos, orquestras, teatro de rúa, teatro de sala, animación na rúa, programación infantil, fanfarrias, Día das Bandas, voces do novo milenio, humor, danza...

A festa do Apóstolo combínase co Festival Internacional de Música de Galicia que complementa a actividade cultural no mes de xullo. É importante a colaboración das asociacións de veciños e comisións de festas nos eventos que teñen lugar en cada barrio da cidade e nas celebracións de San Xoán, no Antroido e nas propostas e iniciativas que dende estes colectivos achegan.

Dende o departamento de Festas tamén se colabora coas celebracións festivas nos barrios, tomando como referencia as festas patronais de cada un deles xa que se subvenciona totalmente unha actuación elixida polos organizadores. Esta convocatoria sae xeralmente no mes de abril, xa que é no verán cando se desenvolven a maioría destas festas nas distintas zonas da cidade. Existe un impreso para realizar a petición correspondente.
Hai axudas tamén para organizar a festa do Antroido nos barrios e tamén para a participación como carroza ou comparsa no desfile do martes do Antroido.
© 2005, Concello de Santiago. Pazo de Raxoi. Praza do Obradoiro. Tel.: 981 542 300 (Centraliña) 981 542 357 (Alcaldía). Aviso legal
Pechar