Mercedes Rosón Ferreiro

Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural, con competencias en Urbanismo (Planeamento, Licenzas, Disciplina Urbanística e Patrimonio), Cidade Histórica, Vivenda, Rehabilitación e Cultura (Auditorio de Galicia, Teatro Principal e Zona C). Primeira tenente de alcalde.

Subdirectora da Área de Cultura do Vicerreitorado de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, e responsable da Fonoteca universitaria dende finais dos anos oitenta; centrando fundamentalmente a súa actividade nos ámbitos da xestión e produción de música, exposicións, artes plásticas e xestión do patrimonio histórico-artístico e a música. Durante oito anos, de 2003 ao 2011, foi concelleira no Goberno municipal, ocupando as áreas de Cultura, Rehabilitación e Cidade Histórica, Centros Socioculturais, Urbanismo, Vivenda e Educación. En 2011 retomou o seu traballo na Universidade, traballo que compaxinou coa actividade política como concelleira do PSdeG-PSOE na oposición do concello compostelán ata o 2 de decembro de 2017. Á marxe da actividade profesional, forma parte de diferentes colectivos veciñais, sociais e culturais.

Urbanismo
O Concello busca mellorar a calidade de vida dos cidadáns e das cidadás, facendo un concello e un territorio mais habitable e entendendo a necesidade dun dinamismo que permita anticiparse ás necesidades futuras para poder recuperar o pulo do concello e ser un referente a nivel mundial como urbe de referencia, como o foi na rehabilitación do seu patrimonio histórico e cultural. Todo isto a través do funcionamento como unha rede territorial cun proxecto común, logrando a integración do territorio, da paisaxe, das augas, dos espazos naturais na complexidade urbana coa finalidade de reducir a pegada ecolóxica botando man dos seus recursos naturais.

Dende o Goberno local impúlsase a calidade do espazo público tendo en conta o criterio dos seus usuarios, os cidadáns, e promovendo a convivencia entre os diferentes ciclos vitais. Apóstase por un planeamento xeral que ordene o crecemento do concello, adaptándoo ás necesidades de crecemento actual.

O Concello impulsa unha política activa de urbanismo que aposta pola calidade urbanística e pola sustentabilidade, pero tamén pola axilización da normativa nesta materia. Neste sentido, unha das prioridades é unha maior eficacia e celeridade na concesión das licenzas municipais. Así, avánzase no e-urbanismo, co obxectivo de que os cidadáns poidan tramitar a través da páxina web os diferentes procedementos urbanísticos.

Outro dos cometidos desta área é difundir entre os cidadáns e cidadás o valor do patrimonio existente no noso concello, dende o arqueolóxico e etnográfico ata o territorial, como son os camiños, os núcleos rurais ou os curtidoiros. Este recoñecemento do valor patrimonial na nosa contorna axudará tamén a diversificar as estancias turísticas na cidade.
Cidade Histórica e Rehabilitación
O casco antigo de Compostela é, sen ningunha dúbida, un dos principais atractivos turísticos da cidade e constitúe a súa imaxe a nivel internacional. Santiago conta con máis de 40 edificios catalogados como de excepcional valor arquitectónico, case setenta que posúen características singulares de valor cultural e preto de 300 con características tipolóxicas e compositivas de especial significación arquitectónica.

Pero é interese do Goberno compostelán ocuparse das demandas e necesidades dos veciños que viven neste ámbito, revitalizando a Cidade Histórica, fomentando o mantemento e a introdución de habitantes novos e novas e limitando e regulando os usos turísticos e comerciais.
Vivenda
Outro dos eixes do Departamento é o recoñecemento do dereito constitucional do acceso á vivenda por parte dos cidadáns e das cidadás, con políticas de vivenda que permitan o acceso a mesma de todos os sectores da poboación, evitando a especulación e fomentando a reinvestimento das plusvalías urbanísticas en vivenda de promoción pública.

Son cometidos desta área evitar a proliferación de vivendas baleiras ou en estado de abandono, promovendo a súa saída ao mercado de alugueiro, e fomentar a rehabilitación do parque edificatorio existente en toda a cidade. O Concello tamén asume o compromiso de evitar os desafiuzamentos, actuando como mediadores, apoiando o traballo das organización non gobernamentais nesta materia e retirando os fondos das entidades financeiras que executen despexos en primeiras vivendas.
Acción Cultural
A Área de Acción Cultural encárgase de dotar á cidadanía de estruturas, recursos e medios de participación para xestionar a cultura. O Concello exerce de axente mediador encargado de dar soporte ás iniciativas culturais do concello e actuar en sitios onde non chegue a sociedade.

Trátase dun Departamento comprometido coa defensa, recuperación, conservación e posta e valor e difusión dos patrimonios materiais e inmateriais, prestando especial atención a aqueles que se atopen nunha clara situación de ameaza. Recoñece, facilita, acompaña e promove os proxectos culturais de Compostela, fomentando o diálogo creativo entre tradición e vangarda, apoiando as iniciativas culturais e axudando ao seu desenvolvemento autónomo e consolidación.

Esta Área elabora e xestiona a programación cultural de Santiago de Compostela, coordinada dende o Auditorio de Galicia. Na actualidade, desenvolve programas como: Cineuropa, Curtocircuíto, o Ciclo de Lied, De Lugares e Órganos, as Xornadas de Música Contemporánea ou o Ciclo de Piano Ángel Brage… ademais da programación estable de Música, Artes Escénicas, Infantil&Familiar, Artes Visuais e Didáctica.

Xestiona os equipamentos culturais municipais, tales como o propio Auditorio de Galicia e o Teatro Principal, e tamén ten baixo a súa dependencia a Banda Municipal de Música.


Compartir: