Saúdo da alcaldesa


Esta é unha das portas dun Concello aberto e participativo, da túa casa. Dámosche a benvida á web municipal de Santiago de Compostela, unha fiestra en que atoparás actualidade local, información de servizo e poderás realizar os trámites das túas xestións administrativas.

Desde aquí terás oportunidade de ver a transformación que impulsa a Corporación municipal para mellorar a calidade de vida da veciñanza e situar as persoas no centro das políticas municipais, coa sustentabilidade, a accesibilidade, a cohesión do territorio, o impulso do feminismo e da igualdade, a proxección cultural e as medidas contra o cambio climático como eixos fundamentais.

Queremos que a veciñanza e o tecido económico e social sexan as protagonistas e, ademais doutras iniciativas de participación, ofrecémosche esta web como un medio de comunicación directa co teu concello. Aquí atoparás, ademais da actualidade informativa municipal, avisos e anuncios, ofertas de emprego público ou mesmo a programación de actividades en que te convidamos a participar.

Ficamos ao teu dispor. Esta páxina, como todo o Concello, é para que teñas a administración municipal -a máis apegada á veciñanza- aínda máis próxima. Comunícate connosco. Estamos á espera das túas suxestións, as túas demandas e os teus consellos. A nosa obriga e o noso desexo é poder atendelos como a veciñanza de Compostela merece para que, man a man, construamos un concello mellor. Tamén para iso, contamos contigo.

Goretti Sanmartín Rei
Alcaldesa de Santiago de Compostela


Compartir: