FESTAS

O alcalde expresa a vontade de "afondar na vida compartida" entre dous concellos, Santiago e Padrón, que viven "cara a cara"

27/07/2015 As festas do Apóstolo tiveron este luns unha desas citas que se repite cada ano, o Día de Padrón, tradición que tamén se mantén á inversa na celebración de Pascua da vila veciña. Unha vez máis, foi o momento de renovar a colaboración e de estreitar os lazos entre os dous municipios.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa na praza do Obradoiro para dirixirse á Casa do Concello. Alí, Martiño Noriega referiuse aos vencellos históricos entre Santiago e Padrón a través do Camiño Portugués, da creación literaria ou do patrimonio natural. A estas relacións e á necesidade de impulsar proxectos conxuntos tamén ser referiu o rexedor padronés, Antonio Fernández, co que Noriega, curiosamente, compartiu instituto e mesmo pupitre.

O alcalde compostelán apuntou que, máis alá destes vínculos históricos, a relación de veciñanza está na "propia dinámica cidadá". Neste sentido, expresou a vontade de "afondar na vida compartida" entre dous concellos que viven "cara a cara".

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas. Ambas pecharon a súa actuación co himno galego.

Compartir: