FESTAS

Sinfonía de auga e luz na noite grande de Compostela

24/07/2008 Milleiros de persoas encheron o Obradoiro e as rúas e prazas de Compostela para presenciar os Fogos do Apóstolo. A chuvia do día deu unha tregua par o desenvolvemento dun espectáculo no que se combinaron harmonicamente a auga, a luz, a pirotecnia e a música.

O público puido presenciar 34 minutos dun espectáculo no que chamou especialmente a atención a fonte cibernética de 22 metros e 22.000 litros de auga. O líquido elemento xurdiu aos pés da Catedral compostelá para facer atractivas composicións de auga e luz proxectada por láser, sempre acompañada coa sincronía do son.

Tampouco faltaron nesta ocasión as proxeccións sobre o templo, con sinxelas composicións, ben visibles e comprensibles para o público, moito do cal comezara a chegar xa pola tarde á praza. E por suposto, e malia as dificultades do clima, non faltou unha rechamante exhibición pirotécnica, combinada tamén en perfecta harmonía co resto de elementos. Aplaudida foi tamén a queima da fachada gótica.

Nesta noite dez ordenadores controlaron 3.745 ordes de fogo para facer estoupar 4.515 pezas pirotécnicas. En total, utilizáronse 1.150 quilogramos de material pirotécnico, a maioría do cal estaba situado en Xoán XXIII. Respecto á parte audiovisual, quince técnicos e doce ordenadores controlaron 40.000 watios de potencia de luz e seis equipos láser, cos que se fixeron ata 16 cambios de color.

Tras os fogos, foi tempo de gozar cos ritmos de hip hop da artista andaluza La Mala Rodríguez, arroupada sobre o escenario da Quintana por Refree e a Original Jazz Orquestra Taller de Músics. A orquestra Armonía Show foi a encargada, na Alameda, de animar cos seus sons a todos os que desexaban bailar. E á unha da mañá, turno para Los Reyes del KO, que ofreceron un repertorio dos seus temas no Toural.

Compartir: